Obra de teatro-circo que narra en clave de traxicomedia a historia dun antigo circo do século pasado, “O Circo Cambuche”
Kike Castro, o derradeiro supervivente deste vello circo, lembra no presente a historia da súa familia de funambulistas e o seu amargo final.
Tódolos domingos pola tarde, o noso protagonista visita a vella carpa da familia e alí, embriagado polas lembranzas do circo, xoga, maquillase e fantasea actuando para un público imaxinario.
Un día, entre ese público "imaxinario", atopa unha muller moi parecida á sua avóa, "A Grande Flora Castro", equilibrista e matriarca daquela familia circense. Esta lembranza causa no noso protagonista sensacións moi especiais, que levado pola ilusión, atrévese a facer proezas que non daba atrevido dende que era cativo. O noso protagonista realiza unha viaxe á sua infancia facendo que o público viaxe tamén con él nunha especie de soño compartido.
O arame convértese así nunha metáfora do fío condutor que une presente e pasado, madurez e infancia. Unha historia chea de nostalxia e tenrura.